jueves, 14 de febrero de 2008

ELENA PENDÁS DENTRO DO POP

Editado para exposiciones itinerantes de la Xunta de Galicia

Unha estética de postulados claros, directos, vitais

As permanentes revisións da arte pop clásica (Rauschenber, Warhol, Wesselmann, Lichtenstein) poñen de manifesto o interese e a importancia dun movemento que desde o territorio das artes plásticas en xeral tivo –e ainda ten- influencia en diversas conductas sociais, culturais e económicas (o mundo da moda, da publicidade, da decoración). Desde a súa orixe –no que se chamou New-Dadá até a súa postura enfrontada co expresionismo abstracto, así como ó seu vencello formal co cómic e mais o graffiti, a arte pop cuestionou –e segue a cuestionar- o valor estético convencionalmente aceptado. Foi e é unh interrogación aberta ás premisas do chamado bo e mal gusto popular.

No caso da profesora Elena Pendás encontramos que chega ao seu pop particular de xeito semellante a Warhol, que o fixo desde o seu dominio do deseño publicitario, ou Wesselmann, que se iniciará co cómic. Posteriormente pódeselle relacionar tamén con eles polas súas derivacións en obras gráficas –gravados, serigrafías, litografías-.

Para etiquetarmos dalgunha maneira –se cabe- a obra de Elena Pendás, podemos dicir que tanto na pintura acrílica coma en toda a súa moi diversa obra gráfica (linograbado, xilografía, porespán e madeira, augaforte, alcogravado, litografía, serigrafía) e na mesma cerámica, mantén con seguridade o seu discurso artístico –que perfecciona sen modificar a linguaxe orixinal-. Bordea no seu pop unha memoria de comic con trazos de graffiti e unha notoria vocación descritiva da vida urbana actual e cotiá, vista con ollos crítico-sentimentais que osman o romanticismo popular e a calidez dunha muller transparente e sen lecturas agochadas. Non parece procurar elaboracións escuras e esenciais. A súa mirada reflicte a familiaridade e a proximidade do existencial inmediato e emotivo.

A revitalización da realidade

A revitalización da realidade foi unha das premisas fundamentais daquel grupo de artistas e intelectuais que no 1952 se reuniron no chamado Independent Group para acharen novas vías expresivas fronte ao minimalismo norteamericano e mais o expresionismo abstracto, que eran o non plus ultra daqueles días. Organizaron a xa mítica exposición titulada Parallel of Life and Art (Paralelo entre a vida e a arte) e con iso iniciaron un movemento creativo que habería de influir non só no espazo da arte, senón tamén en toda a vida social e económica das décadas seguintes: a súa influencia na moda, o deseño publicitario, a decoración de interiores foi –aínda é- un feito indiscutido. A súa pequena gran revolución trouxo consigo unha viraxe comportamental xeneralizada, só comparábel ao que foi, poucos anos antes, o existencialismo filosófico do aquí-e-agora levado ás rúas da posguerra. Os seus postulados eran claros, directos, vitais; non buscaban profundidade esencial ningunha, eran paralelos á vida, puramente existenciais, unha mirada ao hoxe de todos e de todos os días. Unha aposta con matices de inxenuísmo, que, no entanto, engadía un vizo e unha exuberancia inusual á pintura daquel tempo.

Logo chegaron os popes desa Pop Art, os que habían darlle o selo definitivo. Os que aínda hoxe atraen multitudes, coma o Roy Lichtenstein que abraiou no Reina Sofía de Madrid hai poucos meses, ou o permanentemente na crista da onda: Andy Warhol, ou o formidábel Tom Wesselmann, que percorre nas súas retrospectivas todo o planeta, agora en Buenos Aires, logo en Washington, a principios do 2006 en Berlín. Eles, xunto con Rosenquist, Hamilton, Rauschenber, Oldenburg, Hockney, Jones provocaron, fixeron sorrir, devolveron vida a unhas artes plásticas ensimesmadas en labirintos teóricos, moitas veces carentes de toda sanguinidade, de toda emoción.

Máis entre nós había moito tempo que non achabamos un Pop Art pleno coma o de Elena Pendás, cargado de referencias notábeis con varias etapas de Wesselmann, e algunhas de Roy Lichstenstein, sen esquecermos matices doutros mestres, mais, fundamentalmente conseguindo unha identidade temática que a distingue de todos eles. Un motivo básico está dado pola sensibilidade feminina de Elena Pendás, algo que nin Wesselmann nin Lichstenstein podían dar coa súa visión masculina da muller e do erótico. Por outro lado, Elena –por agora- ten tres grandes etapas que poderiamos etiquetar arbitrariamente como as da Pop Art narrativa, a Pop Art descritiva e mais a Pop Art expresionista, que se distancian de calquera comparación cos popes mencionados. Tanto nos tres espazos –moi diferenciados entre sí, como se poderá observar na mostra- así como nas xilografías, linogravados, punta seca augaforte, etc…, e as súas cerámicas, Elena demostra un dominio de técnicas e motivos propios que lle dan un selo de identidade intelectual e sensíbel que non ofrece dúbidas.

A lenda continua: Elena marca as súas diferenzas

¿En que momento chega Elena Pendás coa súa neo Pop Art? O panorama actual da pintura flutúa entre as aventuras cutres con aire transcendente e o enfastiamento dos cerebros planos. Existen as excepcións, os verdadeiros experimentalistas, os que aínda cren no creativo sen esqueceren os aspectos académicos básicos, mais hai unha multitude de pantasmas da arte que fan dubidar das alternativas viábeis da pintura ou da plástica en xeral. Todos se presentan localizados dentro do terreo do artístico e, na súa enorme maioría, non chegan nin a unha simpática artesanía elemental. En medio desa paisaxe de anomia formal, Elena Pendás chega coa súa obra de acrílicos, augatinta, verniz brando, gravado ao azucre, barras graxas, alcogravado, collagraph, matérico e cerámicas, cun background profesional importante (non só como profesora de artes na Ramón Falcón de Lugo, tamén cos seus estudos previos e mais o apoio da crítica acadado). É autenticamente unha multidisciplinar académica sen alardes, coa mesma vitalidade e forza dos precursores da agora lendaria Parallel of Life and Art, aqueles que pretendían enfrontarse aos racionalismos teóricos de escasa pel, de pouca sensibilidade, volvendo relacionar a vida e mais a arte, tentando revitalizar a realidade.

Amais da súa postura creativa particular, da súa óptica, da súa sensibilidade, Elena Pendás ofrece unha serie de propostas orixinais que a diferencian dos seus antecesores na escola da Pop Art. Wesselmann, Lichtenstein, Hamilton, moitos practicaron a colaxe agregando elementos alleos á súa obra. Elena tamén o fai, mais a volta de torca que a distingue está en que, amais, agrégalles aos seus últimos acrílicos unha boa cantidade de gravados e serigrafías, que lle son propios, de tal xeito que, nun só cadro, podemos encontrarnos con ela mesma varias veces, diferentes entre si polas técnicas empregadas e polo tempo (son obras dos últimos quince anos). Outro matiz diferencial claro radica na súa transparencia comunicativa, o seu inxenuísmo tenrurista, o seu retrato sinxelo dun micromundo persoal cargado de suxestións que se entenden á primeira. Presenta algunhas apariencias espectaculares e brillantes que, por pouco que as revisemos, descubrirán alegrías, soidades, rutinas, ansiedades eróticas, frustracións, romanticismo… Ese paralelo entre a vida e a arte da primeira exposición de 52. Esa revitalización da realidade que con tanta enerxía presentaban os grandes popes da corrente e que agora nos presenta Elena Pendás.

Os cadros de Elena parecen, á primeira vista, composición próximas ao espontaneísmo das composicións rápidas, mais sería un erro non atendermos a que estamos ante unha simplicidade ficticia, a un estilo persoal que –como xa dixemos antes- ten un peso anterior, un background estimábel, un proceso de depuración gráfica que lle permite indagar nos actos máis nimios do cotián, creando unha transcendencia do instante. Capturando non unha instantánea trivial ou frívola, senón un arquetipo. Apreixando un momento efémero para o transformar en definitorio. Así é como a aparente simplicidade representativa se transforma en descritiva, narrativa ou expresionista. Non é casual nin neo-dadá; é Pop Art en estado total.

Manuel Álvarez Prieto, Escritor e crítico de arte (2005) - Traducción del castellano de Guadalupe Enríquez Parga

Publicación en CulturaGalega.info

Catálogos de arte. Exposiciones itinerantes
Xunta de Galicia. Consellería de cultura (2006)

No hay comentarios: